martes, 31 de marzo de 2020

Material.

Bos días familias! Fago esta entrada no blog para deixar unha serie de actividades que podedes facer cos nenos e nenas. Recórdovos que todas as tarefas que se manden antes de semana santa son optativas, posto que o profesorado non podemos avanzar contidos.
A partir de semana santa, comezaremos con vídeos para levar a cabo a aprendizaxe do alumnado.

Cos sentidos aprendo
Obxectivo: descubrir o noso corpo e os sentidos.
Duración: 5 días
Materiais: Obxectos que encontremos nos nosos fogares, un pano para tapar os ollos, alimentos, reprodutor de sons (tablet, ordenador, teléfono móbil)
Día 1: Adiviñando os alimentos
Cos ollos tapados, os nenos e as nenas teñen que adiviñar os alimentos que están comendo. Unha boa práctica sería empregar froita… bo proveito!

Día 2: Ulir e aprender
Cos ollos tapados, os nenos e nenas teñen que recoñecer olores dos alimentos. Para iso, podemos emprega olores característicos como son por exemplo o café, colonia, vinagre…

Día 3: Descubrindo o tacto
Para facer esta actividade podedes empregar unha caixa que teñades nas vosas casas. Os nenos e nenas a poden decorar empregando pinturas, recortes de periódico, revistas…etc. Unha vez que estea decorada deberedes facerlle un buraco por onde o alumando poda meter a man. Sería conveniente que dentro da caixa, introducirades obxectos da vida cotiá: pinzas da roupa, un botón, unha esponxa…etc)

Día 4: Que son é?
Para realizar esta actividade precisaredes de un reprodutor de sons, serven as tablets, os ordenadores, os teléfonos móbiles… poñeredes sons relacionados coas rúas (actividade xa abordada este trimestre) e os nenos e nenas terán que adiviñar de que se trata. Uns exemplos poderían ser: sons de bicicletas, coches, avións, camións do lixo, fontes…etc.

Día 5: Vexo-vexo
Teredes que facerlle aos nenos e nenas o xogo de “vexo-vexo” describindo as características dos obxectos (cor, forma, tamaño, a súa utilidade…) Un dos aspectos no que máis podémonos centrarnos é nas cores e na forma, posto que os estivemos traballando este trimestre na aula.


Descubrindo as emocións
Obxectivo: Desenvolver a intelixencia emocional, poñer en marcha actitudes que favorezan a autonomía e seguridade persoal, e aprender estratexias para resolver pacificamente os conflitos.
Duración: 4 días
Materiais: Obxectos que encontremos nos nosos fogares.
Día 1: Teatrillo das emocións
A través desta actividade, os/as nenos/as poderán crear un teatrillo no que representarán historias inventadas por eles/as e nas que aparecerán diferentes emocións. Para iso, podedes empregar diferentes obxectos que teñades nas casas.

Día 2: Yogando
Neste día o alumnado deberá realizar diferentes posturas de yoga. A través das mesmas procurarase que os nenos e as nenas comecen a ser capaces de xestionar as súas emocións. Para levar a cabo esta tarefa podedes empregar o vídeo que utilizamos nos Ardemiro´s Games.

Día 3: O espello máxico
Para a posta en marcha desta actividade empregarase un espello. O alumnado deberá pronunciar a frase “espelliño, espelliño, que é o que che gusta máis de min?” e deberán ser eles/as mesmos/as os que deben completar a frase. En caso de que exista algunha dificultade se lles aportará a axuda que precisen.

Día 4: A miña casa e os meus seres queridos
O alumnado deberá falar con vos sobre a súa casa e os familiares que viven en ela. Unha vez vos digan a informacións, deberán realizar un debuxo. Unha boa estratexia, sería pegalos nas fiestras das vosas casa, como se fose un mural.

Día 5: O monstro de cores
Os nenos e nenas deben observar atentamente as imaxes do conto, sen lerlles o texto, e deberán descubrir o que está ocorrendo só observando as imaxes. Tamén, deberán identificar as emocións que expresa  o monstro e cando aparecen estas.
Para levar a cabo esta actividade podedes empregar a enlace ao conto: https://www.youtube.com/watch?v=t8yy_AIeTAA



Xogando cas matemáticas
Obxectivo: Desenvolver habilidades lóxico-matemáticas e relacionar, ordenar, cuantificar, e clasificar coleccións e elementos en función ao seu atributo e calidade.
Duración: 3 días
Materiais: Tapóns de botella de diferentes cores e tamaños ou calquera outro material que permite realizar as actividades.
Día 1: Clasifico os tapóns
Nesta primeira actividade o alumnado deberá manipular os materiais. Para iso, deixaremos un tempo para que podan xogar con eles, dialogar sobre o que son, que recoñezan as cores e as relacionen con outros obxectos. Unha vez se faga esta actividade deberán clasificalos en función a súa cor e tamaño (grande, mediano e pequeno).


Día 2: Facemos cempés de cores
Nesta actividade o alumnado deberá de seguir unha secuencia de cores que realizaran os adultos nun primeiro momento. Por exemplo, ensinámoslles a secuencia vermello-laranxa-verde e eles deberán repetila.

Día 3: Tarxetas de tapón
Esta actividade é moi similar a anterior, pero a diferencia é que debemos facer unha tarxeta onde debuxaremos diferentes secuencias. O máximo de cores que se poden empregar son 4 e esta vez tamén indicaremos do tamaño que deben ser os tapóns. 



Experimentos en casa
Duración: 2 días
Día 1: Importancia de lavarse as mans
Para explicarlles aos nenos e nenas a importancia de limparse as mans podemos facer o seguinte experimento. Nun prato botamos auga e pementa (ou algún outro alimento que sexa similar). Pedirémoslle ao alumnado que meta un dedo no prato, -polo que sairá cheo de pementa- e despois que intenten lavalo, dándose conta de que algunha pementa continua a estar no dedo. Despois, dirémoslles que boten xabón no dedo e o volvan a metelo no prato. Nese momento, a pementa repartirase polo prato sen quedar impregnada no seu dedo.  Así, daranse conta da importancia de lavarse as mans. 

Día 2: Importancia da hixiene dental
Para levar a cabo este experimento vamos a necesitar:
       Dous recipientes
       2 ovos
      Vinagre
      Pasta de dentes
En primeiro lugar botamos o vinagre nun dos recipientes e repartimos a pasta de dentes polo ovo, para cubrilo enteiro. O seguinte paso, será meter o ovo con pasta de dentes no recipiente con vinagre e o deixamos repousar un día. Tras pasar ese período de tempo, darémonos conta de que o ovo aínda que o apertamos non rompe.
Para continuar, deberemos facer repetir o primeiro paso pero sen repartir a pasta de dentes polo ovo, é dicir, debemos encher o recipiente con vinagre e meter o ovo dentro. Debe repousar durante o día. Tras este proceso, os nenos e nenas daranse conta de que neste caso o ovo si rompe.
Deixo o enlace ao experimento:



A continuación deixo unha serie de exemplos gráficos do taller "Xogando coas matemáticas": 

Tamén recordo que o xoves, último día de clase, mandei unha serie de indicacións que podiades facer na casa cos nenos e nenas. Sería conveniente que as levarades a cabo:
Bo día familias!
Ante esta situación que estamos a vivir, escribo a continuación algunhas actividades que podedes facer cos nenos e nenas no caso de que non podamos vir ó cole
Mirar no calendario que día é hoxe, o seu número, o mes, o tempo que fai..
Falamos de como estamos hoxe, do estado de ánimo, de que nos gustaría facer hoxe ou do que fixemos onte
Lemos un conto e logo facemos preguntas sobre a historia, sobre as personaxes, cambiamos o final por outro que nos guste máis inventándoo nós... Podemos facer un debuxo do contido do conto ó rematar
Deixamos que colabore nas tarefas da casa, explicándolle como se fai cada cousa, o nome de cada cousa... Poñemos a mesa para comer contando cantos somos na casa, cantos platos temos que poñer, os cubertos que se poñen á dereita ou á esquerda
Facemos xogos de construccións, cos que podemos realizar series, por exemplo unha torre cun bloque verde, outro azul e outro vermello e repetimos
Os xogos coa plastilina tamén son moi bos para mellorar a psicomotricidade fina, enroscar e desenroscar tapóns que podemos colorear previamente, coller por exemplo macarróns cunha pinza e botalos nun bote... Imaxinación ó poder!
 Xogos como o tres en raia, o parchís, a oca...
Somos conscientes de que van pasar tempo vendo a tele ou xogando a xogos interactivos, pero vixiade os contidos o máis posible
Así mesmo, serán proveitosas toda clase de actividades nas que teñan que contar, mirar se hai máis ou menos cantidade, observar obxectos segundo a súa forma
Envíovos un agarimoso saúdo e agardo que podamos volver á normalidade o antes posible, por favor, sede responsables coas medidas tomadas pois a saúde de todos, sobre todo a dos vosos fillos e fillas está en xogo.
Grazas.
Espero que esteades todos ben. Moitas grazas pola vosa comprensión.



sábado, 28 de marzo de 2020

Organización traballo.

Bos días familias! Espero que esteades todos ben.
Fago esta publicación no blog para poder organizar o traballo deste trimestre. Sei que hai familias que teñen os libros do terceiro trimestre na casa e outros no colexio. Por este motivo, decidín que a nosa maneira de traballo a partir de semana santa vai a ser a través dunha serie de vídeos que colgarei no Blog. A través dos mesmos, traballaremos aspectos relacionados coa lóxica-matemática, lectoescritura, grafomotricidade… etc. Así tamén os poderedes visualizar no momento que consideredes oportuno, xa que comprendo que están sendo unhas semanas un pouco difíciles.
Tamén vou poñer a vosa disposición unha serie de materiais que podedes imprimir e poder realizar na casa. Non vos preocupedes se non tedes impresora, estará todo colgado nos vídeos.
Deixo a vosa disposición o meu correo para poder estar en contacto: pauladoradogomez@edu.xunta.es


Antes de finalizar a entrada no blog quero felicitar a un neno que estivo esta semana de cumpreanos: Moitas felicidades Martín, espero que o pasaras fenomenal no teu día!
Moitas grazas pola vosa comprensión.

domingo, 22 de marzo de 2020

Aprendendo na casa.

Bos días familias! Espero que esteades todos ben e con ánimo para continuar estando todos nos nosos fogares.
Vou engadir una serie de enlaces que podedes empregar na casa:
Este material inclúe debuxos que os nenos e nenas poden pintar.

Nesta canle atoparedes xogos educativos e didácticos.

Aquí podedes visualizar unha serie de contos que de seguro resultan moi entretidos para os nenos e as nenas.

Antes de finalizar a entrada a este blog, gustaríame felicitar aos nenos e nenas que estiveron esta semana de cumpreanos:
Moitas felicidades Martín R., Marta e Sara! De volta a nosa clase faremos a festa de todos os cumpreanos pendentes.
A vosa profesora mándabamos moitos bicos e apertas a todos e todas!
Moitísimas grazas pola participación nos Ardemiro’s Games, de seguro que os nenos e nenas o están pasando fenomenal.


miércoles, 18 de marzo de 2020

Materiais para empregar na casa.

Bos días familias, espero que esteades todos ben!
Para amenizar o tempo que temos que estar na casa vou deixar unha serie de materiais por se son do voso interese.

Neste enlace tedes contos que os nenos e nenas poden visualizar ou incluso, se así o preferides, só para escoitalos.
https://www.youtube.com/user/robertopernasalvarez/videos

Nesta páxina encontraredes unha gran variedade de música infantil en galego.

Tamén engado aquí unha banda en galego e que o alumnado escoita na clase de música. Son cancións con ritmo e que desfrutan moito.
https://www.youtube.com/channel/UCUd4p5q1RctezprJuep6TWA/videos

Neste enlace os nenos e nenas poden escoitar a música de Magin Blanco, de seguro que son capaces de cantalas e desfrutan escoitándoas tanto como na clase!

Por último, deixo o enlace a canción que tanto lles gusta e que está feita polos compañeiros e compañeiras do CEIP de Caión.


Moitas grazas pola vosa comprensión e.. seguide participando nos Ardemiro’s Games, xa que son unha gran oportunidade de desfrutar o tempo en familia!

Moitos bicos e apertas para os nenos e nenas da súa profesora, vémonos pronto na clase!




sábado, 14 de marzo de 2020

Voltaremos

Esta semana tocou colgar os mandilóns na casa, as toallas e os cepillos de dentes. Esta semana despedímonos da nosa clase, dos nosos/as amigos/as e da profesora…pero dentro de pouco tempo xa volvemos as andada!
As últimas semanas na clase dos Parruliños estiveron cargadas de moitísima diversión. Continuamos aprendendo cos nosos amigos Popi e Pepiño:
Fumos o teatro e…incluso veu a auxiliar de conversación, Ángeles, a lernos un conto en inglés!
Este venres, deunos pena non poder celebrar o cumpreanos da nosa compañeira Irina. Dende as casas desexámoste un feliz cumpreanos e enviámoste moitos bicos e apertas.

Antes de finalizar a entrada deste blog quero agradecervos a vosa comprensión e colaboración nestas datas. Desfrutade moito do tempo cos vosos nenos e nenas e non esquezades de continuar aprendendo nas casas!


Pola miña parte despídome recordando as margaridas tan bonitas que me regalaron os/as nenos/as no colexio. Seguirei esperando con ganas e ilusión a volta do alumnado as aulas para continuar aprendendo todos/as xuntos/as. 


Quedo a vosa disposición.




jueves, 27 de febrero de 2020

Entroido!

A semana pasada o pasamos xenial no cole seguindo os mandatos do noso amigo o Meco. O luns tivemos que vir en pixama é foi moi divertido
O martes trouxemos calcetíns e zapatos diferentes… 
O mércores o Meco mandounos traer algo na cabeza, estabamos guapisimos cos nosos gorros!
O xoves puxémonos elegantes e sacamos a relucir os nosos colares
E xa por último chegou o venres… onde fixemos un gran desfile disfrazados do conto clásico “Carapuchiña Vermella”.  Moitas grazas as familias por vir a vernos, o pasamos moi ben todos/as xuntos e xuntas. 
Antes de despedirnos, queremos recordar que o pasado venres foi o cumpreanos do noso amigo Mateo! Cantamos unha canción e sopramos unha tarta
Moitas grazas e ata a semana que ven!

viernes, 14 de febrero de 2020

Divertimonos aprendendo

Estas semanas seguimos a facer os nosos libros na clase. No primeiro de eles, traballamos aspectos sobre a rúa e no segundo sobre a auga. Cada día o facemos mellor e encántonos aprender cousas novas !

Tamén a semana pasada o profe Antonio axudounos a plantar fresas no horto do noso colexio, foi moi divertido e o pasamos moi ben.

Para despedir a entrada do blog, agradecerlle a profe de Inglés, Susana, que nos regalara uns corazóns para celebrar o día de San Valentín.
Moitísimas grazas por seguir as nosas andaduras e ata a semana que ben!