martes, 31 de marzo de 2020

Material.

Bos días familias! Fago esta entrada no blog para deixar unha serie de actividades que podedes facer cos nenos e nenas. Recórdovos que todas as tarefas que se manden antes de semana santa son optativas, posto que o profesorado non podemos avanzar contidos.
A partir de semana santa, comezaremos con vídeos para levar a cabo a aprendizaxe do alumnado.

Cos sentidos aprendo
Obxectivo: descubrir o noso corpo e os sentidos.
Duración: 5 días
Materiais: Obxectos que encontremos nos nosos fogares, un pano para tapar os ollos, alimentos, reprodutor de sons (tablet, ordenador, teléfono móbil)
Día 1: Adiviñando os alimentos
Cos ollos tapados, os nenos e as nenas teñen que adiviñar os alimentos que están comendo. Unha boa práctica sería empregar froita… bo proveito!

Día 2: Ulir e aprender
Cos ollos tapados, os nenos e nenas teñen que recoñecer olores dos alimentos. Para iso, podemos emprega olores característicos como son por exemplo o café, colonia, vinagre…

Día 3: Descubrindo o tacto
Para facer esta actividade podedes empregar unha caixa que teñades nas vosas casas. Os nenos e nenas a poden decorar empregando pinturas, recortes de periódico, revistas…etc. Unha vez que estea decorada deberedes facerlle un buraco por onde o alumando poda meter a man. Sería conveniente que dentro da caixa, introducirades obxectos da vida cotiá: pinzas da roupa, un botón, unha esponxa…etc)

Día 4: Que son é?
Para realizar esta actividade precisaredes de un reprodutor de sons, serven as tablets, os ordenadores, os teléfonos móbiles… poñeredes sons relacionados coas rúas (actividade xa abordada este trimestre) e os nenos e nenas terán que adiviñar de que se trata. Uns exemplos poderían ser: sons de bicicletas, coches, avións, camións do lixo, fontes…etc.

Día 5: Vexo-vexo
Teredes que facerlle aos nenos e nenas o xogo de “vexo-vexo” describindo as características dos obxectos (cor, forma, tamaño, a súa utilidade…) Un dos aspectos no que máis podémonos centrarnos é nas cores e na forma, posto que os estivemos traballando este trimestre na aula.


Descubrindo as emocións
Obxectivo: Desenvolver a intelixencia emocional, poñer en marcha actitudes que favorezan a autonomía e seguridade persoal, e aprender estratexias para resolver pacificamente os conflitos.
Duración: 4 días
Materiais: Obxectos que encontremos nos nosos fogares.
Día 1: Teatrillo das emocións
A través desta actividade, os/as nenos/as poderán crear un teatrillo no que representarán historias inventadas por eles/as e nas que aparecerán diferentes emocións. Para iso, podedes empregar diferentes obxectos que teñades nas casas.

Día 2: Yogando
Neste día o alumnado deberá realizar diferentes posturas de yoga. A través das mesmas procurarase que os nenos e as nenas comecen a ser capaces de xestionar as súas emocións. Para levar a cabo esta tarefa podedes empregar o vídeo que utilizamos nos Ardemiro´s Games.

Día 3: O espello máxico
Para a posta en marcha desta actividade empregarase un espello. O alumnado deberá pronunciar a frase “espelliño, espelliño, que é o que che gusta máis de min?” e deberán ser eles/as mesmos/as os que deben completar a frase. En caso de que exista algunha dificultade se lles aportará a axuda que precisen.

Día 4: A miña casa e os meus seres queridos
O alumnado deberá falar con vos sobre a súa casa e os familiares que viven en ela. Unha vez vos digan a informacións, deberán realizar un debuxo. Unha boa estratexia, sería pegalos nas fiestras das vosas casa, como se fose un mural.

Día 5: O monstro de cores
Os nenos e nenas deben observar atentamente as imaxes do conto, sen lerlles o texto, e deberán descubrir o que está ocorrendo só observando as imaxes. Tamén, deberán identificar as emocións que expresa  o monstro e cando aparecen estas.
Para levar a cabo esta actividade podedes empregar a enlace ao conto: https://www.youtube.com/watch?v=t8yy_AIeTAA



Xogando cas matemáticas
Obxectivo: Desenvolver habilidades lóxico-matemáticas e relacionar, ordenar, cuantificar, e clasificar coleccións e elementos en función ao seu atributo e calidade.
Duración: 3 días
Materiais: Tapóns de botella de diferentes cores e tamaños ou calquera outro material que permite realizar as actividades.
Día 1: Clasifico os tapóns
Nesta primeira actividade o alumnado deberá manipular os materiais. Para iso, deixaremos un tempo para que podan xogar con eles, dialogar sobre o que son, que recoñezan as cores e as relacionen con outros obxectos. Unha vez se faga esta actividade deberán clasificalos en función a súa cor e tamaño (grande, mediano e pequeno).


Día 2: Facemos cempés de cores
Nesta actividade o alumnado deberá de seguir unha secuencia de cores que realizaran os adultos nun primeiro momento. Por exemplo, ensinámoslles a secuencia vermello-laranxa-verde e eles deberán repetila.

Día 3: Tarxetas de tapón
Esta actividade é moi similar a anterior, pero a diferencia é que debemos facer unha tarxeta onde debuxaremos diferentes secuencias. O máximo de cores que se poden empregar son 4 e esta vez tamén indicaremos do tamaño que deben ser os tapóns. 



Experimentos en casa
Duración: 2 días
Día 1: Importancia de lavarse as mans
Para explicarlles aos nenos e nenas a importancia de limparse as mans podemos facer o seguinte experimento. Nun prato botamos auga e pementa (ou algún outro alimento que sexa similar). Pedirémoslle ao alumnado que meta un dedo no prato, -polo que sairá cheo de pementa- e despois que intenten lavalo, dándose conta de que algunha pementa continua a estar no dedo. Despois, dirémoslles que boten xabón no dedo e o volvan a metelo no prato. Nese momento, a pementa repartirase polo prato sen quedar impregnada no seu dedo.  Así, daranse conta da importancia de lavarse as mans. 

Día 2: Importancia da hixiene dental
Para levar a cabo este experimento vamos a necesitar:
       Dous recipientes
       2 ovos
      Vinagre
      Pasta de dentes
En primeiro lugar botamos o vinagre nun dos recipientes e repartimos a pasta de dentes polo ovo, para cubrilo enteiro. O seguinte paso, será meter o ovo con pasta de dentes no recipiente con vinagre e o deixamos repousar un día. Tras pasar ese período de tempo, darémonos conta de que o ovo aínda que o apertamos non rompe.
Para continuar, deberemos facer repetir o primeiro paso pero sen repartir a pasta de dentes polo ovo, é dicir, debemos encher o recipiente con vinagre e meter o ovo dentro. Debe repousar durante o día. Tras este proceso, os nenos e nenas daranse conta de que neste caso o ovo si rompe.
Deixo o enlace ao experimento:



A continuación deixo unha serie de exemplos gráficos do taller "Xogando coas matemáticas": 

Tamén recordo que o xoves, último día de clase, mandei unha serie de indicacións que podiades facer na casa cos nenos e nenas. Sería conveniente que as levarades a cabo:
Bo día familias!
Ante esta situación que estamos a vivir, escribo a continuación algunhas actividades que podedes facer cos nenos e nenas no caso de que non podamos vir ó cole
Mirar no calendario que día é hoxe, o seu número, o mes, o tempo que fai..
Falamos de como estamos hoxe, do estado de ánimo, de que nos gustaría facer hoxe ou do que fixemos onte
Lemos un conto e logo facemos preguntas sobre a historia, sobre as personaxes, cambiamos o final por outro que nos guste máis inventándoo nós... Podemos facer un debuxo do contido do conto ó rematar
Deixamos que colabore nas tarefas da casa, explicándolle como se fai cada cousa, o nome de cada cousa... Poñemos a mesa para comer contando cantos somos na casa, cantos platos temos que poñer, os cubertos que se poñen á dereita ou á esquerda
Facemos xogos de construccións, cos que podemos realizar series, por exemplo unha torre cun bloque verde, outro azul e outro vermello e repetimos
Os xogos coa plastilina tamén son moi bos para mellorar a psicomotricidade fina, enroscar e desenroscar tapóns que podemos colorear previamente, coller por exemplo macarróns cunha pinza e botalos nun bote... Imaxinación ó poder!
 Xogos como o tres en raia, o parchís, a oca...
Somos conscientes de que van pasar tempo vendo a tele ou xogando a xogos interactivos, pero vixiade os contidos o máis posible
Así mesmo, serán proveitosas toda clase de actividades nas que teñan que contar, mirar se hai máis ou menos cantidade, observar obxectos segundo a súa forma
Envíovos un agarimoso saúdo e agardo que podamos volver á normalidade o antes posible, por favor, sede responsables coas medidas tomadas pois a saúde de todos, sobre todo a dos vosos fillos e fillas está en xogo.
Grazas.
Espero que esteades todos ben. Moitas grazas pola vosa comprensión.



No hay comentarios:

Publicar un comentario